A selección española impúxose a Serbia con Tere Abelleira como protagonista

4 abril 2019
Bruno Arias
A selección española impúxose a Serbia con Tere Abelleira como protagonista

España deu o primeiro paso cara a fase final do Campionato de Europa logo de gañarlle a Serbia por 2-0 no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro. A dianteira do Levante Eva Navarro marcou os dous goles, xa na primeira metade.

Foi un partido moi cómodo para o combinado dirixido por Pedro López, dominando desde o primeiro minuto. Serbia só tivo unha ocasión e case foi sen querer, xa no minuto 81 cun centro chut que saiu rozando o poste. Ata aí practicamente nada do colectivo serbio en ataque, sen case pasar do mediocampo.

Os achegamentos de España á área rival foron continuas, malia que sen ocasións demasiado claras. No 27 chegou o primeiro gol, pero foi anulado por fóra de xogo. Foi un aviso. Un minuto despois chegou o segundo aviso cun remate ao poste de Rosa Márquez. E no 34 Eva Navarro fixo o primeiro gol. Un tanto que facía xustiza e que tivo continuidade seis minutos despois cun gran gol da mesma xogadora logo de recibir un fantástico pase interior. Incluso España puido marchar con maior renta de goles ao descanso, pero Oihane non aproveitou unha clarísima ocasión nun saque dende o recanto.

A segunda metade foi un paseo, pero o certo é que as de Pedro López non conseguían pechar o partido, se ben Serbia non creaba nin a máis mínima preocupación. A galega Tere Abelleira estivo a piques de marcar nun gran disparo lonxano. Tamén Eizaguirre e a propia Eva Navarro puideron ampliar a renta, pero o marcador non se moveu e España acadou a súa primeira vitoria marcando o camiño correcto para esa desexada clasificación para o Campionato de Europa.

O sábado España repite no estadio Verónica Boquete contra Hungría, tamén ás 18:30 horas, e tamén con entrada de balde.

Esta web emplea cookies. Si continúas navegando entendemos que aceptas nuestra Política de cookies.